Ola de novo!
Aquí estamos outra vez para achegarvos o "Menú da videochamada de fin de curso".
Pareceunos axeitado organizar un pouco as intervencións para que todos e todas teñades as mesmas oportunidades de falar, xa que a duración é dunha hora.
Se algún ou algunha de vós prefire non falar ou que non se lle vexa por motivos de timidez ou porque non tedes permiso das vosas familias, podedes acceder co micro e/ou video pechado, ou poñer un cartel coas vosas receitas para o menú para que o podamos ver os demáis.
Este "Menú" consistirá nun entrante , no que contaredes algo que vos gustou moito deste curso ou que lembrades con moita ilusión. A continuación haberá un prato único e teredes que escoller entre chiste, adiviña ou descrición (calquera das tres opcións ten que ser curta) , e por último pero non menos importante , a sobremesa, na que agardamos que nos digades o voso desexo para o curso que ven.
Lembrade ter os vosos pratos preparados para que non vos xoguen unha mala pasada os nervios, e cumprir as normas de intervención , é moi importante para nos escoitar ben e para que podamos participar todos e todas.
Achegámosvos tamén o vídeo dos retos para que podades velo sen ter que estar pedindo o teléfono ás vosas familias . Dicirvos que estamos moi contentas coa participación e o nivel, sodes insuperables!
E xa por último, e a petición de varias familias, comentarvos que o venres achegaremos un documento con opcións/propostas de repaso para o verán, onde a nosa recomendación fundamental é que gocedes do tempo de descanso e lecer , do aire libre, pero sobre todo , do tempo de calidade xunto aos vosos seres queridos.
Bicos a moreas e unha aperta enorme das vosas mestras .
Querémosvos !
Ningún comentario:
Publicar un comentario