Artistas, de seguro que isto vos interesa !
As mestras de terceiro sabemos do moito que animan as vosas creacións artísticas e que non só dan moita alegría, senón que ademais , son obras dignas de expoñer nas mellores galerías de arte.
Por iso (logo de recibir un chivatazo dunha familia, informándonos da existencia deste concurso) pensamos en que deberiamos propoñervos que participasedes.
Seguide lendo para ter toda a información.
A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ven de convocar un concurso de debuxos para todos os escolares galegos. A finalidade é que poidan amosar o agradecemento aos corpos e forzas de seguridade, e que mediante o debuxo os nenos e nenas poidan transmitirlle ánimos tanto á Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica e Garda Civil, os cales reciben formación permanente na Academia.
A temática do concurso é completamente libre, os nenos e nenas poderán plasmar no debuxo o que eles queiran transmitirlle aos axentes e o único requisito é que poñan o cancelo #ConVósEstamosSeguros. A finalidade do concurso é que mediante esta iniciativa os rapaces poñan en valor a gratitude aos corpos e forzas de seguridade e ao mesmo tempo que contribúa a que pasen estes días de confinamento un pouco mais entretidos.
Poderán participar neste concurso todos os nenos e nenas galegos. Haberá categorías segundo o nivel educativo. Así establécense 6 premios, un para Infantil, dous para Educación Primaria, por una banda os nenos de 1º a 3º e por outra banda os de 4º a 6ª, e o mesmo cos estudantes da ESO, haberá dúas categorías, os rapaces de 1º e 2º e por outra banda os de 3º e 4º. E finalmente os estudantes de Bacharelato que igual que os de Infantil teñen cada un, unha categoría.
O premio consiste en que o neno ou nena gañador poida facer xunto a toda súa clase unha visita guiada á Academia, onde tamén están recibindo formación os policías e gardas civís, poidendo participar con eles nalgunha das clase e que así poidan coñecer de preto aos axentes que reciben a formación na Academia.
Poderá presentarse unha obra por concursante en tamaño A4 (folio) e poderá ser realizada en calquera modalidade, con lapis, tinta chinesa, estilográfica, rotuladores, pinturas, ceras. Cada neno poderá facelo como queira. O estilo é completamente libre. O único é que ten que levar o cancelo #ConVosEstamosSeguros.
O prazo de presentación dos debuxos comeza o día 3 de abril e remata o vindeiro venres 17 de abril. Os debuxos poderán ser remitidos á Academia mediante unha foto do mesmo que se pode mandar por correo electrónico ao seguinte enderezo formacion.agasp@xunta.gal, indicando o nome completo do neno ou nena, o nivel educativo ao que pertence, ( no noso caso 3º de EP), así como o colexio ao que asiste ( CEIP Plurilingüe de Tarrío - Culleredo).
Non esquezades escribir nalgún lugar do voso debuxo o cancelo #ConVósEstamosSeguros.
Non esquezades escribir nalgún lugar do voso debuxo o cancelo #ConVósEstamosSeguros.
#ConVósEstamosSeguros #entemposdecoronavirus #estevirusparamoloxuntos
Ningún comentario:
Publicar un comentario